Blog
O Camiño de Santiago encara a mundialización
As noticias sobre o proceso de mundialización que encaran os Camiños de Santiago sucedéronse ao longo da semana. Desde os 36.000 peregrinos que alcanzaron a cidade do Apóstolo en xuño ata a declaración do Camiño do Norte e o Primitivo como Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco ou a previsión de que este 2015 vai ser o que máis persoas peregrinen ata a cidade. Parece que máis de dúas décadas logo daquel Xacobeo 93, a popularización global parece un feito.
Os datos extraídos da web da Oficina do Peregrino apuntan a que este verán o Camiño de Santiago consolídase como un destino atractivo no estranxeiro e chama a atención, sobre todo, a un público adulto inmerso nesa gran franxa de idade que vai desde os trinta aos sesenta anos. Durante o mes de xuño de 2015 na Oficina de Peregrinacións recibíronse 35.924 peregrinos; o anterior Ano Santo en 2010 foron 33.757. Destes peregrinos, 16.671 (46,41%) son mulleres e 19.253 (53,59%) homes.
A pé chegaron 31.328 (87,21%), en bicicleta 4.431 (12,33%).
As nacionalidades dos peregrinos durante o mes de xuño apórtannos un dato moi relevante. Non é habitual que haxa máis peregrinos estranxeiros que españois, aínda que as cifras sexan parellas. Xuño de 2015 é un deses meses nos que o número de peregrinos estranxeiros superan amplamente ao dos españois: 22.219 foráneos fronte a 13.705 do sur dos Pirineos.
A orixe dos peregrinos tamén apunta ao proceso da mundialización: Italia, con 3.225 peregrinos, continúa na cabeza na lista de países con máis apego á tradición xacobea pero o mes de xuño confirma unha tendencia de anos atrás: os peregrinos estadounidenses, con 2.997 en xuño, son os segundos máis numerosos na Oficina do Peregrino. Séguenlles Alemaña, con 2.899; Francia, con 1.783; Portugal, con 1.675; Irlanda, con 859 ; Reino Unido, con 802 e Holanda, con 771.
Os datos son relevantes porque o último Ano Santo celebrouse fai xa un lustro. A tendencia ascendente mantense malia que a ruta non conta con campañas de publicidade institucionais tan fortes como en anos anteriores, ou polo menos, o Camiño de Santiago aparece dentro da oferta cultural e de lecer dentro da promoción autonómica de Galicia.
Xunto a estes datos de xuño, que unidos aos totais do ano dan un resultado próximo aos 100.000 peregrinos nos primeiros seis meses de 2015, atopamos que a Unesco declarou o Camiño Primitivo e o Camiño do Norte como Patrimonio da Humanidade. De todas as vías a Compostela, só o Camiño Francés recibía o tratamento especial da comisión da ONU.
A conclusión leva a atribuír á sinerxía producida entre o traballo de Turismo e Promoción, Conservación de Bens Patrimoniais e o traballo desinteresado de Asociacións de Amigos do Camiño e peregrinos particulares.
A franxa norte, noroeste e central da península non pode competir co atractivo do clásico “sol e praia” da vertente mediterránea así que, que ofrecer? Unha alternativa baseada no turismo de experiencias: o Camiño, todos os camiños, son un carreiro que conduce cara a todo o que ten que ofrecer as comunidades do Norte: patrimonio histórico, gastronómico e natural.
É aquí cando entra a dimensión mundial do Camiño de Santiago. Non se trata só do empeño das comunidades autónomas senón a perspectiva que o boca a boca e os medios comunicación dixitais fixeron polo camiño. A acumulación de historias persoais compartidas en Youtube, Facebook, ou en blogs, a posibilidade de emprender unha viaxe a un bo prezo, e sobre todo, a posibilidade de deixar atrás unha rutina na que a présa e a constante comunicación a través de dispositivos converteuse na norma para moitos.
Para corroborar esta apreciación, basta ver que os segmentos de poboación que máis peregrinan son os empregados por conta allea e os dedicados a profesións liberais. Os números ratifican esta tendencia ao alza; os peregrinos proceden de países cun alto nivel de vida e esperan atopar nas rutas a Compostela aquilo que se deixa atrás no día a día como coñecer un territorio sen seguir unha guía de consumo preestablecida, coñecer xente fóra das canles habituais ou atopar un momento no que estar a soas consigo mesmo.
O futuro do Camiño de Santiago promete ser global, coas dificultades e retos que supón pero é un desafío no que as opinións e ideas de cada un contan.
Bo Camiño!