Noticias
Éxito cualitativo e cuantitativo da segunda edición de Fairway, Forum do Camiño de Santiago
Creceu o número de visitantes, a superficie expositiva e o número de reunión profesionais; e os novos formatos propostos, como as mesas de debate, mostráronse como un acerto
As entidades e institucións patrocinadoras do evento destacan a idoneidade deste formato
Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2017.- O éxito da segunda edición de Fairway, Forum do Camiño de Santiago, celebrada do 12 ao 14 de novembro na capital de Galicia supón a “confirmación da necesidade dun encontro destas características”.
Así se manifestan os organizadores e patrocinadores deste evento que se converteu en cita de reunión plural para os distintos profesionais, institucións e interesados nas rutas a Santiago.
O Palacio de Congresos e Exposición de Galicia, recibiu a visita de 4.000 asistentes que acudiron a unha feira de 1.200 metros cadrados de superficie expositiva, con espazos adicionais para actividades e mostras, auditorio, presentacións para medios de comunicación e áreas de reunións. A feira creceu un 20% respecto a 2015.
Celebráronse máis de 1.600 reunións de traballo e un workshop que contou con 27 turoperadores procedentes de 15 países e que funcionou gracias a un minucioso traballo de axenda. A expectación por este formato provocou que numerosas empresas e entidades non puidesen participar do mesmo.
Todas estas cifras supoñen un notable crecemento respecto as da primeira edición en 2015, que contou con 50 expositores en feira e 1.200 reunións no workshop.
Como novidades, neste segundo Fairway 60 profesionais e representantes institucionais tomaron a voz en catro mesas de debate intersectoriais sobre distintas rutas a Santiago. Un formato que propiciou a reflexión conxunta e a confrontación de intereses e opinións, as veces diverxentes.
Tamén se prepararon dúas viaxes de familiarización polo Camiño Portugués e o Camiño Inglés para turoperadores e prensa especializada nos que se embarcaron 40 persoas.
Ademais, houbo seis presentacións institucionais e de recursos reservadas para medios; e programouse un calendario de actividades para tódolos públicos o domingo 12.
Pero mais aló das cifras, as opinións recollidas entre expositores, congresistas, turoperadores, asistentes a mesas de traballo e, en xeral, profesionais que escolleron traballar en Fairway, Forum do Camiño de Santiago son as que referendan o gran éxito desta edición.
Declaracións da organización
O codirector Manuel Oreiro quere destacar “o gran traballo previo e a perfecta posta a punto que permitiron levar a cabo un evento con máis de 1.600 reunións de traballo con tantos turoperadores de fora”. Na súa opinión, “con Fairway permitimos a mellora profesional de tantas e tantas empresas que funcionan gracias ao Camiño, ofrecemos un mellor servizo aos visitantes e peregrinos, e respectamos as distintas motivacións de quen escolle vir a Compostela”. En Fairway, as distintas voces en torno ao Camiño, “séntanse, escóitanse e coordínanse”.
Pola súa parte, Ana Trevisani céntrase na feira profesional e apunta o crecemento en “equipamentos para o sector da hoteleira e hostaleira, así como a maior presenza de territorios representados institucionalmente, algúns deles vidos baixo o paraugas da súa comunidade autónoma ou deputación e outras gracias á fórmula das agrupacións de concellos”. Por último, remacha que “toca comezar a traballar na terceira edición”.
Satisfacción en Correos, Deputación de A Coruña e Concello de Santiago
Dende o Concello de Santiago de Compostela, a concelleira de Turismo e Desenvolvemento Económico Marta Lois apunta: “Creo que é importante destacar o impacto do Fairway desde o punto de vista turístico con máis de 1500 contactos entre turoperadores. Por outra parte puidemos abrir un espazo de reflexión conxunta sobre a sustentabilidade dos camiños de Santiago e a xestión pública eficiente dos mesmos. Eventos como o Fairway, que van pola súa segunda edición, merecen tecer ao seu redor unha rede de apoio público e privado que o consoliden como un dos eventos destacables da temporada baixa”.
Pola súa parte, o alcalde compostelán Martiño Noriega apunta: “O Fairway resultou ser unha feira que casa moi ben coa propia esencia de Santiago, unha cidade policromática, diversa e plural. É, sen dúbida, un evento que chegou para quedarse e para facernos reflexionar sobre a necesidade de impulsar políticas turísticas que aposten pola calidade fronte a cantidade. Sen esquecerse do impacto económico que eventos deste tipo deixan na nosa cidade e que contribúen a todo o tecido social”.
Fairway II Forum do Camiño de Santiago, unha iniciativa dende o sector privado.
Fairway, Forum do Camiño de Santiago, naceu dende a iniciativa privada. Está promovido pola maiorista-minorista Viajes Viloria; a axencia de marketing Mr Turismo; e Trevisani, empresa de organización de eventos, protocolo e relacións públicas, e comunicación.
Conta co patrocinio principal de Correos; a colaboración institucional da Deputación de A Coruña e do Concello de Santiago; e o apoio de Paradores, Catedral de Santiago, Clúster de Turismo de Galicia e de distintas entidades patrocinadoras e colaboradoras.
Toda a información sobre este evento atópase no portal web www.fairwaysantiago.com