Noticias
A restauración do Pórtico da Gloria, o broche de ouro da peregrinaxe a Compostela
Os traballos de restauración do Pórtico da Gloria finalizaron a semana pasada despois dunha década e máis de 50.000 horas de traballo investidas. Obra cume de Mestre Mateo foi inaugurada oficialmente este luns nun acto que congregou ás máximas autoridades de varios sectores da sociedade como a Raíña Sofía, o ministro de cultura José Guirao, o presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijoo ou o arcebispo Julián Barrio.
O Pórtico da Gloria estaba, cando se iniciaron os labores de restauración por parte dun equipo de 12 expertos, moi deteriorado. As filtracións de auga e a degradación así como o po desmelloraran enormemente o seu aspecto ata que en 2009 se iniciaron os traballos para recuperar todo o seu esplendor. A investigación e as técnicas utilizadas para os traballos no Pórtico foron pioneiras, e espérase que, se se coida adecuadamente, a restauración poida durar centos de anos.
As visitas ao Pórtico non se farán esperar. A partir do próximo 27 de xullo, o Pórtico será xa visitable aínda que co obxectivo de preservar a obra seráo en grupos reducidos. Así, a cada visita poderán acceder un total de 25 persoas durante un tempo que non poderá exceder os 15 minutos. As visitas inícianse ás 8:00 e realizaranse de modo ininterrompido ata as 22.00 e serán de carácter gratuíto, por rigorosa orde de chegada.
O monumento que tanto adoraba a poeta galega Rosalía de Castro recupera así o seu esplendor tras unha restauración que custou máis de 6 millóns de euros e que moi pronto poderá volver ser contemplado por todos os peregrinos que cheguen a Compostela. Un luxo que serve para poñer o broche de ouro á experiencia do Camiño.