Noticias
A reflexión arredor das distintas vertentes do Camiño protagoniza a segunda xornada de Fairway, II Forum do Camiño de Santiago
José María Ballester e Alessandro Scafi formaron parte do Congreso
O Caminho Portugués pola Costa e o de Wakayama serán presentados ante a prensa o martes, último día do evento
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2017. –Fairway, Forum do Camiño de Santiago prosigue coa súa tarefa de dar voz a tódolos actores que xogan un papel neste fenómeno de múltiples caras, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia.
Na xornada do luns comezaron as máis de 1.600 reunións de negocio entre turoperadores internacionais e provedores locais en formato workshop, así como as mesas de debate sobre as problemáticas das distintas rutas nas que tomaron a palabra representantes profesionais e institucionais.
Continúa aberta a feira, con máis de 60 expositores e máis de 100 marcas amosando as súas novidades e recursos. O acceso a Fairway segue sendo gratuíto, previa inscrición no seu portal web www.fairwaysantiago.com.
O congreso de Fairway conmemorou os 30 anos da súa proclamación como primeiro itinerario cultural, abordou a xestión pública do Camiño e deu a coñecer o Kumano Kodo e a Fuorivia Egnatia.
Foi unha xornada de relatores destacados como Alessandro Scafi, quen abordou na súa conferencia aspectos como en que consiste un lugar sagrado e de que xeito a xente se achega aos mesmos; presentou os resultados dunha investigación realizada durante 10 anos sobre os mesmos; e comparou a peregrinación tomada coma viaxe redentora de pecados cun destino espiritual, con aquela realizada sen arelas de devoción. Como conclusión, Scafi apuntou a necesidade dunha xestión sensata que teña en conta tanto aos visitantes laicos como a preservación do verdadeiro “espírito” da ruta. Scafi é doutor en Historia Medieval e do Renacemento en The Warburg Institute, da Universidade de Londres.
Neste sentido precisamente expresouse o ex director de Cultura, Patrimonio, Cultural e Natural do Consello de Europa, José María Ballester, que abriu o congreso incidindo en que o Camiño de Santiago é un itinerario relixioso, pero tamén é un “camiño de civilización” que vertebra a cultura e o patrimonio de Europa. Ademais, Ballester fixo fincapé tamén na necesidade de abordar o Camiño de Santiago de forma sustentable, un traballo de xestión de fluxos ao que deben facer fronte os destinos.
Unha última xornada intensa
Mañá martes 14, Fairway apurará a súa última xornada cun programa intenso.
No congreso, a primeira sesión ás 10.00 horas, tratará sobre Accesibilidade no camiño, coa intervención de Rafael Sánchez Bargiela, xerente do Xacobeo; Jesús Hernández Galán, director de accesibilidade da ONCE; e Simón Neira Dueñas, xerente de Geozzy.com.
Tomará o relevo a mesa sobre Outros itinerarios culturais: espellos e reflexos, que compila distintas rutas europeas. En concreto, contará coas experiencias de Rosário Correia Machado, directora na Rota do Românico portuguesa ou Paolo Giulietti, presidente do consorcio Francesco´s Ways.
Ás 16:00 horas chegará a presentación de Encamiñando, a cargo de Enrique Sáez Ponte e de José Manuel Andrade, presidente e director da Fundación Juana de Vega.
Por último, ás 17.00 horas, encararanse os Retos do Camiño: da tradición á contemporaneidade; coas aportacións de Mercedes Parrado, de Pulpería Ezequiel de Melide; Begoña Valdomar, hospitaleira no albergue de Fisterra; e Mónica e Silvana Crisóstomo, de Ideas Peregrinas Pilgrim Store.
As mesas de debate centraranse en Investir no Camiño: Camiño Portugués, dende as 16:00 horas; e en Marca Galicia Marca Camiño: Camiño de Fisterra-Muxía, a partir das 18.00 horas.
Presentacións a medios de comunicación
Non faltarán as presentacións institucionais a medios de comunicación. Ás 11:30 chegará a de Wakayama, a cargo de Brad Towle, Promotion Manager de Kumano Tourism Bureau; ás 11:45 será a do Caminho Portugués pola Costa, a cargo de María José Guerreiro, da Camara Municipal de Viana do Castelo; e ás 12:00 horas presentarase o libro ‘Virgen del Camino en-clave de misterios’ polo seu escritor, Isidro Cicero.
Fairway II Forum do Camiño de Santiago, unha iniciativa dende o sector privado.
Fairway, Forum do Camiño de Santiago, naceu dende a iniciativa privada. Está promovido pola maiorista-minorista Viajes Viloria; a axencia de marketing Mr Turismo; e Trevisani, empresa de organización de eventos, protocolo e relacións públicas, e comunicación.
Conta co patrocinio principal de Correos; a colaboración institucional da Deputación de A Coruña e do Concello de Santiago; e o apoio de Paradores, Catedral de Santiago, Clúster de Turismo de Galicia e de distintas entidades patrocinadoras e colaboradoras.
Toda a información sobre este evento atópase no portal web www.fairwaysantiago.com