Noticias
Gran inicio de Fairway, II Forum do Camiño de Santiago
O primeiro día de Fairway estivo marcado polas actividades para todos os públicos e o acto de inauguración, mañá luns comezan as reunións no workshop e as mesas de debate
O Camiño Inglés, o Camiño Portugués e O Camiño con Correos serán obxecto de presentacións institucionais á prensa
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2017. – Fairway, Forum do Camiño de Santiago, inaugurouse este domingo no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia cunha xornada caracterizada pola afluencia de autoridades, público familiar, peregrinos e interesados en xeral.
O acto inaugural estivo a cargo dos co directores de Fairway, Ana Trevisani e Tono Mugico, e contou coas intervencións de Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña; Ángel Perez, director de zona de Correos; e Martiño Noriega, alcalde de Santiago.
Todos quixeron salientar a importancia dunha cita preparada coma punto de encontro transversal dos amantes e profesionais do Camiño, e o agradecemento a todos os que o fan posible. Do mesmo xeito que no Camiño reúnense xentes de distintas orixes, visións e obxectivos, os distintos actores xúntanse e colaboran para poder levar a cabo o Forum do Camiño de Santiago.
A visita institucional permitiu descubrir algún dos máis de 60 expositores presentes, que agrupan a máis de 100 marcas distintas.
Ademais, durante a xornada, numerosas persoas achegáronse a gozar do programa de actividades para todos os públicos e coñecéronse os gañadores do concurso fotográfico “Os valores do Camiño”, organizada por Correos e iPeregrinos.
Luns intenso, explorando todos os camiños do Camiño
As xornadas de luns e martes en Fairway, Forum do Camiño de Santiago, están preparadas para un perfil máis profesional. Iniciaranse as máis de 1.600 reunións previstas en formato workshop con turoperadores internacionais e as mesas de debate para profesionais.
No congreso de Fairway, ás 10.00 horas chegará o coloquio "Camiño de Santiago: 30 anos do primeiro itinerario cultural", coa presenza de Segundo L. Pérez López, deán da Catedral de Santiago; María del Carmen Martínez Ínsua, directora xeral de Patrimonio Cultural e Natural do Consello de Europa; e José María Ballester Fernández, ex director de Cultura, Patrimonio Cultural e Natural do Consello de Europa.
Ás 12.00 será a quenda da mesa "A xestión pública coordinada do Camiño, é posible?" que contará coas intervencións de Joaquín Palacín Eltoro, director general de Ordenación del Territorio del Gobierno de Aragón; Xosé Regueira Varela, deputado de Turismo da Deputación da Coruña; e Marta Lois González, concelleira de Turismo en Santiago de Compostela.
A tarde comezará co relatorio de Alessandro Scafi “On the way of heaven” ás 16:00 horas. Scafi é doutor en Historia Medieval e do Renacemento en The Warburg Institute, da Universidade de Londres.
Seguirá coa presentación ás 17.00 horas de ’Camiño de Santiago e Kumano Kodo’ por parte de Bradley Towle, Promotion Manager de Kumano Tourism Bureau’ e Flavia Ramil, xerente de Incolsa, Turismo de Santiago.
Ás 17:15 chegará a conferencia acerca da Fuorivia Egnatia, da man de Giulia Motta e Andrea Radouan Mounecif, presidenta e vicepresidente, respectivamente, de Fuorivia.
Para rematar, ás 18.15 terá lugar a presentación de Spacio Vita: ‘Camina-T. Desenvolvemento humán no Camiño’, da man de Nekane Soto Guerrero, experta en adestramento de equipos e liderazgo.
Mesas de debate en Fairway
Pola tarde, representantes profesionais e institucionais reuniranse en dúas mesas de debate, que centraranse na Capacidade de carga e capacidade de acollida no Camiño Francés de 16.00 a 17.30 horas e na Planificación, coordinación e dixitalización: Camiño Inglés de 18.00 a 19.30 horas.
Presentacións institucionais ante medios
A mañá do luns terá, ademais, tres presentacións institucionais, sobre o Camiño Inglés, o Camiño Portugués e O Camiño con Correos.
Unha iniciativa desde o sector privado
Fairway, Forum do Camiño de Santiago, naceu da iniciativa privada. Está promovido pola maiorista-minorista Viaxes Viloria; a axencia de marketing Mr Turismo; e Trevisani, empresa de organización de eventos, protocolo e relacións públicas, e comunicación.
Conta co patrocinio principal de Correos; a colaboración institucional da Deputación da Coruña e do Concello de Santiago; e máis o apoio de Paradores, Catedral de Santiago, Clúster de Turismo de Galicia e de distintas entidades patrocinadoras e colaboradoras.
Toda a información sobre este evento atópase no portal web www.fairwaysantiago.com