Noticias
O Peregrino 100.000 chega a Santiago de Compostela
O Peregrino número 100.000 chega a Santiago de Compostela desde Colombia. A finais da semana pasada chegaba á cidade Jose Enrique Forero. A Compostela número 100.000 foi outorgada ao peregrino colombiano, que realizou o Camiño desde Saint Jean Pied de Port en 33 días, percorrendo un total de 799 Km. Era a segunda ocasión que realizaba o Camiño, a anterior realizouna desde León a Muxía e non descarta volver a facelo noutra ocasión coa súa familia. No acto de entrega participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o canónigo da Catedral, Daniel Lorenzo.
Jose Enrique engadiu que en Colombia hai un número elevado de persoas atraídas polo Camiño, información que corroborou Nava Castro, a directora de Turismo de Galicia “Colombia é un dos países de latinoamérica que máis peregrinos achega logo de Brasil, Arxentina e México.”
Segundo datos da oficina do peregrino este ano adiantouse unha semana este posto respecto ao ano anterior. Foron 300.000 os peregrinos que chegaron a Compostela durante o 2017. As súas motivacións, segundo expresaron os propios camiñantes, foron en primeiro lugar relixiosas, relixioso-culturais en segundo lugar e para rematar, exclusivamente culturais. Tan só en maio deste ano recibíronse na cidade 11.800 peregrinacións máis con respecto ao mesmo mes do ano anterior. Os camiños que seguiron a maioría dos peregrinos son o Camiño Francés con 23.847 (58,64%); o Camiño Portugués con 8.916 (21,93%); o Camiño do Norte con 1.729 (4,25%); O Camiño Primitivo con 1.715 (4,22%); A Costa do Camiño Portugués con 1.579 (3,88%); O Camiño Inglés con 1.451 (3,57%); o Camiño Vía da Prata con 1.237 (3,04%); o Camiño Muxia-Finisterre con 98 (0,24%); O Camiño de Inverno con 54 (0,13%), outros camiños con 39 (0,10%); etc.