Noticias
‘El Bibliobús Peregrino’ bota a andar da man de CORREOS e a Diputación de León
A iniciativa 'El Bibliobús Peregrino' foi presentada esta semana en León e ten como obxectivo facilitar o acceso á lectura a todos os peregrinos que pasan por León durante o seu traxecto a Compostela. No acto de presentación participaron o presidente da Diputación de León, Juan Martínez Majo, o director de Correos de Galicia, Asturias e Castela e León, Ángel Pérez e os alcaldes de 15 Concellos da provincia.
Así, Martínez Majo explicou que “serán dous bibliobuses, un con sede en León e outro en Ponferrada, os que se centrarán no Camiño de Santiago e as súas variantes, para dotar tamén de servizo de biblioteca pública aos peregrinos que realizan a Ruta Xacobea; unha iniciativa que levará a cabo co servizo de CORREOS e cos albergues que se atopan no Camiño”.
O servizo de Bibliobuses, que xa estaba instaurado na provincia para dar acceso á lectura a aquelas localidades que, polas súas particularidades, non tivesen unha biblioteca, súmase aos servizos dos que poderán gozar os peregrinos durante o seu paso polos 210 quilómetros de Ruta Xacobea na provincia de León.
O funcionamento da iniciativa destinada aos peregrinos é sinxelo: o servizo de Bibliobuses proporciona os libros e CORREOS faise cargo de devolvelos ao centro Coordinador de Bibliotecas. Os bibliobuses levarán inicialmente unha colección de 33 títulos, dos que se calcula haberá 23 exemplares por cada un. A aposta será por publicacións de áreas temáticas que teñan relación cos intereses dos peregrinos como o Camiño de Santiago, poboacións concretas do Camiño, León ou manuais de español e sendeirismo. Todos eles serán de pequeno tamaño, habendo opcións en español e en inglés.
Así, os dous Bibliobuses desta iniciativa visitarán 15 albergues, que se dividirán en 8 zonas da ruta, que se estableceron en función dos quilómetros que adoitan realizar de media os peregrinos nunha xornada (entre 20 e 30). Os peregrinos que adquiran un libro nos albergues participantes poderán devolvelo en calquera das oficinas de CORREOS do Camiño ata Santiago, un total de 17.
Trátase dun servizo totalmente gratuíto para o peregrino e que forma parte das iniciativas levadas a cabo pola Diputación de León para potenciar os tramos do Camiño na provincia, para o que teñen previsto dedicar este ano un orzamento de máis de 500.000 euros.