Noticias
Carteiros de toda Galicia apoian a un grupo de universitarios de 13 países que percorre o Camiño de Santiago
20
Marzo
Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2018.- CORREOS colabora estes días co equipo internacional de universitarios de 13 países que está a realizar o Camiño Sanabrés coa Organización Mundial do Turismo, a Rede Helsinqui España e o Grupo Compostela de Universidades. Traballadores de CORREOS de toda Galicia prestan asistencia loxística a este grupo de máis de 100 estudantes que analiza proxectos de turismo sustentable e o valor dos dereitos humanos no Camiño.
CORREOS colabora coa iniciativa, ofrecendo os seus servizos do Camiño con Correos, pensados para os peregrinos que realizan o Camiño de Santiago, como o Paq Mochila, para o transporte de equipaxes etapa a etapa, día a día, de aloxamento en aloxamento ou o servizo de consigna.
Día a día, os carteiros préstanlles apoio loxístico, achéganse a compartir cos estudantes a súa experiencia e entréganlles postais prefranqueadas para que poidan escribir aos seus países de orixe e contar as súas experiencias no Camiño.
O Camiño Francés desde Sarria, o Camiño do Norte desde Vilalba, o Camiño Portugués desde Tui e a Ruta Sanabresa desde Ourense son as 4 peregrinacións que está a realizar estes estudantes especializados, matriculados nunha vintena de universidades de Europa, África e América. O equipo chegou a Galicia o sábado e antes de iniciar os distintos Camiños, depositaron as súas maletas con roupa e aveños na Oficina Principal de CORREOS en Santiago de Compostela, situada na rúa do Franco, a 2 minutos da Catedral.
Esta semana, os universitarios realizarán as distintas etapas e chegarán a Santiago o xoves, onde serán recibidos polo arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio; representantes da Xunta de Galicia e o Xacobeo xunto a outras autoridades. O vindeiro venres 23 participarán en Santiago no Foro Universitario Internacional ‘O Valor dos Dereitos Humanos no Camiño de Santiago’, no que tamén estará presente CORREOS, e serán recibidos no Parlamento de Galicia.