María del Carmen Martínez Insua
Directora Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia
Directora Xeral de Patrimonio Cultural na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia desde 2013.
Licenciada en Dereito, obtivo o diploma de directivo e é titulada no curso superior de dereito público. Comezou a súa carreira administrativa na Dirección Xeral de Recursos Humanos do SERGAS como asesora técnica xurídica, pasando a continuación a desenvolver cargos na Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. No ano 1996 comeza a prestar servizo na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, primeiro en persoal e promoción estudantil e logo nas xefaturas de servizo de programación, contratación e equipamento. Tamén ostentou responsabilidades de apoio técnico e administrativo na Xunta Consultiva de Contratación Administrativa de Galicia da Consellería de Facenda e desempeñou, entre os anos 2009 e 2013, o posto de subdirectora xeral de construcións e equipamento da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Ponencia: Os Camiños de Santiago: o compromiso dos Poderes Públicos
O recoñecemento institucional dos Camiños de Santiago, non pode quedar circunscrito ao meramente declarativo. Nunha realidade complexa, definida polo progreso científico e técnico, a evolución socioecómica e as transformacións territoriais, os poderes públicos non poden eludir a súa responsabilidade de ordenación e protección. Galicia é moi consciente da riqueza que supoñen os Camiños de Santiago, da significación que teñen na súa historia e na súa identidade. Ese grao de consciencia só é crible se, na elaboración das normas e na xestión pública, se defenden os valores culturais que os camiños encerran, co fin de mantelos vivos e podelos transmitir as futuras xeracións.
Deste xeito, na Comunidade Autónoma de Galicia ideouse un sistema de protección que permita o exercicio das potestades públicas, sobre a base da competencia exclusiva e plena en materia de Patrimonio Cultural. O camiño, é territorio, é paisaxe, configuración espacial en torno a unha ruta de peregrinación que vertebrou o occidente europeo e concebiu a Galicia como meta. Ese territorio confire unha carga de significación aos monumentos, elementos etnográficos, núcleos tradicionais, terras agrarias e forestais, desenvolvementos urbanos, antigos e novos. Deste xeito, a tarefa non era doada. Abordouse mediante o entendemento dos camiños como territorios históricos, onde a administración realiza un control preventivo que garanta que as futuras evolucións non atenten co caudal de historia material e inmaterial atesourada.
As características territoriais de Galicia, orixinais e complexas, supoñen todo un desafío para os poderes públicos. A Xunta de Galicia non elude os seus compromisos, entende que estes son herdanza preciada dos galegos do pasado, que coidaron unha tradición que hoxe en día se revela como recurso único para o desenvolvemento endóxeno, o progreso social e o crecemento económico. Estamos, pois, ante oportunidades excepcionais, pero tamén ante riscos evidentes que esixen a alta e consciente responsabilidade dos poderes públicos: Estado, Comunidades Autónomas, concellos e, moi especialmente de toda a sociedade.
Novembro