Blog
30 anos de recoñecemento para o Camiño
Estes días, en Santiago de Compostela, non paran as celebracións, co #Fairway2017 ao virar a esquina e para ir quentando motores, os amantes do Camiño están de sorte, xa que poden gozar de diferentes actos e xornadas relacionados con el.
E a que se debe tanta celebración? Pois, supoño que a nós, máis que a ninguén, nos gusta presumir de camiño, pero é que a ollos de Europa estamos de aniversario, xa que o Camiño celebra o seu 30 aniversario como Itinerario Cultural Europeo. E por se non fose pouco tal recoñecemento, cabe destacar que foi a primeiro dos Itinerarios Culturais en ser nomeado como tal polo Consello Europeo en 1987. Estas rutas culturais, segundo asegura o propio Consello Europeo: "demostran, mediante unha viaxe polo espazo e o tempo, como o patrimonio dos diferentes países e culturas de Europa contribúe a un patrimonio cultural compartido e vivo". Con isto, téntase poñer en valor o Patrimonio, a historia e a cultura, buscando o enriquecemento mutuo e a concienciación dunha identidade europea común. Actualmente, son 30 os itinerarios incluídos nesta categoría, moitos deles comparten o escenario español co Camiño.
Cumprindo 30 anos de tal honra, e como non podía ser doutra maneiras, a cidade de Santiago de Compostela acollerá ata o próximo 18 de novembro, numerosas actividades como seminarios, congresos, concertos... Un programa especial impulsado por Turismo de Galicia que comezou xa a súa posta en marcha o pasado luns 23 de outubro cun acto oficial. Ademais ao día seguinte, o martes, levou a cabo a entrega de Premios Camiño de Santiago 2017, onde se recoñeceu o traballo dalgúns sectores implicados no Camiño de Santiago.
Así que, como podedes observar, entre outubro e novembro atópase un mes no que os apaixonados/profesionais do Camiño poderán gozar de todo tipo de actividades dedicadas a eles e coa ruta de peregrinación cara a Santiago como protagonista.
Ademais de todas estas actividades, non vos esquezades de que #Fairway2017 tamén se celebrará neste período, máis concretamente os días 12, 13 e 14 de novembro. Esta edición, do mesmo xeito que a pasada, tamén contará con Fairway City, onde achegaremos ás rúas de Santiago de Compostela, diferentes talleres e outras actividades relacionadas co Camiño. Pódese pedir máis?
Non o dubidedes, se o #CaminodeSantiago é a vosa paixón, Santiago de Compostela é o voso sitio estas semanas!