Saltar ao contido

Fairway Santiago 2023

Fairway
Home » Xabier Díaz porá o broche ás actividades do Open Day do Fairway, V Fórum do Camiño de Santiago

Xabier Díaz porá o broche ás actividades do Open Day do Fairway, V Fórum do Camiño de Santiago

  • por

As seccións de Academy e Congreso ofrecerán unha decena de obradoiros formativos e mesas redondas e de debate e xa contan con máis de 500 persoas inscritas

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2023. A organización do Fairway, V Fórum do Camiño de Santiago ultima xa todos os preparativos para a celebración do evento, que terá lugar entre os días 1 e 3 de novembro no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia. A xornada inaugural, o Open Day, ofrecerá actividades de balde para todos os públicos.

“Tras o éxito rexistrado na anterior edición do Fairway, decidimos repetir o concerto de Xabier Díaz en formato trío”, explica Ana Trevisani, codirectora do evento. Así, o artista porá o broche á apertura desta cita cun concerto. A entrada é de libre ata completar aforo.

            O Open Day comezará coa ruta “I Camino”, con saída ás 09.30 horas na Praza do Obradoiro. Este percorrido, dunhas 4 horas de duración, polos diferentes Camiños q entroncan por Compostela (Francés, Portugués, Inglés, Vía da Prata…) e levará ás persoas participantes por ese Santiago descoñecido. Contarán coas explicacións de Guías turísticos profesionais para esta actividade.

Xa no Pazo de Congresos, ofreceranse novamente diferentes sesións de Escape Room O misterio do peregrino -de mañá e de tarde- e un obradoiro de mindfulness -ás 17.00 horas-. Tanto a ruta como estas dúas actividades contan con prazas limitadas, polo que cómpre realizar reserva previa a través do formularios dispoñibles na web www.fairwaysantiago.com.

A xornada contará co espectáculo Peregrinas do Além. Instrucións para voltar á casa quando xa morriches, que protagonizarán Quico Cadaval e Sole Felloza. A entrada será libre.

Entre as 13.30 e as 16.30 horas, ofrecerase o xa consolidado Gastroway, tamén de entrada libre. Trátase dunha proposta que ofrece un percorrido gastronómico polos distintos Camiños de Santiago a través de tapas típicas de distintos puntos da Península. O prezo por tapa é de 4,5 euros. Como complemento, ofrecerase unha degustación gratuíta de Filloas de Lestedo.

Durante todo o día, entre as 10.00 e as 20.00 horas, estará aberta a Feira de Fairway, con entrada totalmente libre. Nela atoparanse máis de 70 expositores que amosarán destinos turísticos de distintos puntos da Península e tamén de fóra dela, produtos e servizos vencellados ao Camiño.

Ademais, nesta xornada inaugural, tamén se estreará a Feira de Emprego, que segue a sumar participantes. Desde Fairway, ofreceranse entrevistas de traballo cunha vintena de empresas que procuran cubrir arredor de 30 postos de traballo. Os devanditos encontros complementaranse con diversos obradoiros e mesas redondas sobre emprego e emprendemento.

Seccións de Congreso e Academy

As xornadas do 2 e 3 de novembro están enfocadas a público profesional. Ademais da celebración do Workshop -con máis de 3.000 reunións de traballo previstas-, ofreceranse as seccións de Academy e Congreso, que xa contan con máis de 500 persoas inscritas.

“Un dos obxectivos do Fairway, e que está no seu ADN, é servir de foro de debate para temáticas de actualidade que preocupan ao sector. Buscamos aportar ao noso grao de area para, polo menos, facer reflexionar sobre cuestións como a taxa turística, a convivencia entre residentes e turistas ou os problemas de pragas nos establecementos aloxativos -como as das chinches- que se veñen rexistrando en toda Europa, ou exemplos doutras rutas de peregrinación no mundo”, explica Tono Mugico, un dos codirectores do evento. Neste senso, na sección de Congreso “contaremos con representantes de entidades públicas e privadas, así como con persoas expertas que poidan contribuír a procurar solucións a estas problemáticas”.

Debates sobre problemáticas actuais

Así, o xoves 2 de novembro comezará a xornada coa conferencia inaugural sobre Economía Circular e Sustentabilidade, na que participarán Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia; Miriam Louzao, concelleira de Turismo de Santiago, e Antonio Leira, deputado delegado do Camiño de Santiago na Deputación da Coruña. Seguidamente, ofrecerase o debate sobre a axeitada convivencia entre veciñanza e turistas nunha mesa na que participarán: Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación de A Coruña; Miguel Cabezas, presidente do Camiño Francés Federación; Áurea Domínguez e Lanzada Calatayud, presidenta e asistencia técnica da Asociación de Concellos do Camiño de Santiago Fisterra–Muxía, respectivamente; Pepe Formoso, presidente de APTCM; Flavia Ramil, xerente de Turismo de Santiago, e Monserrat Villar, presidenta da Asociación A Xuntanza de San Pedro. Pola tarde, ofrecerase a mesa de debate sobre a tasa turística. Neste caso, participarán un representante de Turismo Porto Norte; Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia; Luisa Lorenzo, presidenta da Unión Hotelera Compostela, e Jorge Carregal, técnico de Comunicación de Turismo de Santiago.

A xornada do 3 de novembro comezará cunha mesa redonda sobre Rutas e Camiños no mundo, presentándose os exemplos do Camiño Kumano Kodo; o Camiño Saety Irlanda O’Donnell, ou o Camiño Maltés a Compostela, ademais do propio exemplo dos Camiños de Santiago.

A sección de Congreso finalizará co debate sobre a xestión da seguridade e hixiene no Camiño de Santiago, e nomeadamente, as pragas de chinches. Para falar sobre isto, contarase coa participación de Inés Mato Naveira, subdirectora xeral de Programas de control de riscos ambientais para a saúde da Consellería de Sanidade; José Carlos Otero, Profesor ad honorem da USC e experto en Entomoloxía; César Ballesteros, presidente da Federación Provincial de Hostelería de Pontevedra; Miguel A. Rodríguez, presidente de Agalber, e Iago Alonso, xerente de Plagostel.

Formación gratuíta da man de profesionais de referencia

Pola súa banda, os días 2 e 3 tamén se ofrecerán preto dunha decena de propostas formativas a través do Fairway Academy. “En resposta ás demandas do sector, procuramos con esta sección cubrir esas necesidades de formación, ofrecendo obradoiros prácticos sobre as últimas tendencias en marketing dixital e mesas redondas con exemplos inspiradores para profesionais que queiran mellorar o seu negocio ou aventurarse no emprendemento. Traemos a profesionais de referencia para explicar como usar as novas ferramentas dixitais e tamén exemplos doutras modalidades de traballo, así como empresas que aplican a economía circular no seu día a día”, conclúe Tono Mugico.

O programa do Academy comezará o xoves 2 cun obradoiro sobre posicionamento SEO, da man de Iñaki Tovar, CEO de Webpositer Academy. Seguidamente, ofrecerase unha mesa redonda sobre Youtubers, Bloggers, Tiktokers e Instagrammers, moderada por Andrés Romero, CEO de Asiri Marketing en na que participarán a blogger Eva Abal; o instagrammers Oliver Vegas e o conferenciante e profesor especializado no eido dixital, Phil González.

A tarde comezará cun obradoiro práctico sobre as ferramentas de intelixencia artificial como Chat GPT (Microsoft), Bard (Google), Bedrock (Amazon), que poden axudar no día a día a un negocio turístico. Jairo Rodríguez, Customer Engineer, Google Cloud en Google e profesor do ISDI Master Data & Analytics, encargarase de impartir esta actividade.

Andrés Romero tamén moderará a mesa redonda sobre Nómadas Dixitais coa que pechará a primeira xornada do Academy. Amosaranse nela os exemplos inspiradores de Carlos Jonay (cofundador da Escuela de Trabajo Remoto); Daniel Gómez (CEO e fundador de Node Nomads); Lili Lorenzo (directora da consultora Acto Voltaje), e Sergio Cazcarra (director de Growth Coliving).

O venres 3 de novembro comezará cun obradoiro sobre WhatsApp Marketing e Comunicación Instantánea. Este correrá a cargo de María Mina, directora comercial para España da empresa francesa Quicktext.

O prato forte da xornada será a mesa redonda sobre Economía Circular con exemplos de empresas e proxectos baseados neste principios e na sustentabilidade. Nela participarán Anselmo Ríos, consultor encargado do proxecto das Illas Metabólicas do municipio de Archena; o vicerrector de Planificación e Proxección Estratéxica da USC, Gumersindo Feijoo; Isabel Pernas, cofundadora de Creativas Galegas, e Lolo Mosteiro, chef do restaurante A Artesa da Moza Crecha. A mesa será moderada por Tono Mugico, codirector do Fairway e CEO de Mr Turismo Marketing en Acción.

A última das actividades será o obradoiro de Tiktok como ferramenta para xerar reservas en aloxamentos turísticos. Esta sesión será impartida por Hugo López, Head of Paid Media en Widitrade, Meta Ads, TikTok Ads & Google Ads Specialist, Formador e docente.

Desde a organización do Fairway, V Fórum do Camiño de Santiago animan á poboación a asistir a estas actividades tanto formativas como de debate. Toda a información sobre o programa de propostas deste evento pódese consultar na web www.fairwaysantiago.com. As inscricións para as actividades con aforo limitado deberanse formalizar nos formularios dispoñibles en www.fairwaysantiago.com/inscripcion/.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *