Home » Fairway converterase no escaparate turístico idóneo para os destinos, empresas e servizos vinculados aos Camiños de Santiago

Fairway converterase no escaparate turístico idóneo para os destinos, empresas e servizos vinculados aos Camiños de Santiago

A cuarta edición de Fairway, que se desenvolverá entre os días 7 e 9 de novembro, converterá o Palacio de Congresos compostelán nunha gran feira do turismo. Nela estarán representadas comunidades autónomas, organizacións, empresas e servizos vinculadas aos Camiños de Santiago ao seu paso pola Península Ibérica.

Son máis de setenta os expositores que participarán nesta cita e que poñerán ao alcance do público destinos turísticos e propostas do máis variadas. “O interese suscitado por Fairway e a consolidación da nosa feira dentro do sector levou a que estean presentes todas as comunidades autónomas por onde pasan os distintos Camiños de Santiago (como Castela e León, Asturias, Cantabria, País Vasco, Aragón, Navarra, A Rioxa, Cataluña…), ademais doutros destinos da Península Ibérica como Porto-Norte”. A esta listaxe súmanse asociacións dos municipios do Camiño, así como outras empresas que ofrecen servizos relacionados co Camiño de Santiago (equipamentos ou servizos culturais, turísticos e de lecer).

A maiores, Fairway ofrecerá durante as xornadas do luns 8 e do martes 9 de novembro unha vintena de presentacións de destinos. Entre elas atópanse a  Axencia de Turismo de Galicia, a Agrupación industrial de Turismo de Galicia, as Deputacións da Coruña e Pontevedra, Turismo de Santiago de Compostela, Mar de Santiago ou mesmo outras institucións como a  Axencia Catalá de  Turisme e proxectos como  Consorzio Francesco’ s  Ways, Camiño  Kumano  Kodo ou  Xearte  Brigitte.

Workshop

Ademais do propio espazo expositivo, Fairway fará tamén de punto de encontro entre as empresas do sector turístico, organizando reunións de traballo entre operadores turísticos e empresas de servizos e produtos do Camiño de Santiago. “Grazas ao formato híbrido que implementamos nesta cuarta edición poderemos achegar a profesionais dos distintos continentes a ampla oferta turística vinculada ás Rutas Xacobeas”, concretan desde a organización.

Estas desenvolveranse a través do  Workshop, que, grazas ao formato híbrido desta cuarta edición do evento, posibilitará encontros tanto presenciais como telemáticos. Así, máis dunha trintena de operadores turísticos poderán descubrir de primeira man destinos turísticos, empresas e servizos.

Unhas actividades que se complementarán cos  Fam Trips que se desenvolverán a primeira semana de novembro, xusto antes do comezo do evento. Neles participarán máis dunha vintena de operadores turísticos que descubrirán o encanto e os principais puntos de interese turístico do Camiño Portugués (iniciado esta edición desde Porto) e do Camiño Inglés. “É unha oportunidade excelente para que os  Hosted  Buyers coñezan o destino e todo o potencial das Rutas Xacobeas ao seu paso por Galicia”, conclúen desde a organización de Fairway.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *