Saltar ao contido

Fairway Santiago 2023

Fairway
Home » Fairway Workshop facilitará máis de 3.000 reunións de traballo con 40 turoperadores de 16 nacionalidades

Fairway Workshop facilitará máis de 3.000 reunións de traballo con 40 turoperadores de 16 nacionalidades

  • por
WorkshopFW21

O espazo feiral contará con máis de 70 expositores e a entrada ao recinto será libre

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2023. Fairway, V Fórum do Camiño de Santiago facilitará a celebración de máis de 3.000 reunións de traballo con turoperadores de 16 nacionalidades dentro da sección de Workshop. Os encontros desenvolveranse os vindeiros 2 e 3 de novembro no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela.

“Na actualidade, son xa preto de 100 as empresas que amosaron o seu interese por participar nestas reunións de traballo que contribúen a ampliar negocio. Quédannos as últimas prazas para sellers (empresas proveedoras), que se cubrirán nestes días, xa que se trata dunha opción moi demandada polo sector”, explica Manuel Oreiro, un dos codirectores de Fairway. O Workshop é un dos principais atractivos do Fórum do Camiño de Santiago, xa que implica o encontro de turoperadores de referencia a nivel nacional e internacional coas empresas vencelladas ás diferentes Rutas Xacobeas. “Desde Fairway facilitamos unha oportunidade única, un espazo onde as empresas locais poidan ofrecer os seus servizos directamente aos decision makers”, engade.

Precisamente desde Fairway facilitan a formalización de encontros entre turoperadores e compañías que se axustan ás súas demandas de servizos. “Estas grandes empresas de turoperación buscan proveedores que contribúan a diferenciar os seus programas de viaxes no Camiño de Santiago, axustándose sempre ao seu perfil de cliente. Non é o mesmo a persoa que pernocta en albergues que a que prefire durmir en Paradores de Turismo”, conclúe Oreiro.

Ademais, e coa fin de que coñezan a experiencia das peregrinacións a Compostela e os servizos nas diferentes Rutas, desde Fairway tamén se organizan famtrips para estes turoperadores, nos que tamén se inclúen profesionais de diferentes medios de comunicación xeralistas e especializados. “Sempre procuramos amosar outros itinerarios non tan coñecidos, polo que os turoperadores percorrerán, nesta ocasión, o Camiño Fisterra-Muxía, o Camiño Primitivo e o Camiño Portugués durante catro días. Deste xeito, poderán descubrir de primeira man os atractivos destas Rutas Xacobeas”, asegura o codirector de Fairway.

Máis de 2.000 m2 de espazo expositivo

Outro dos grandes atractivos de Fairway é o espazo feiral. “Contaremos con máis de 2.000 metros cadrados de espazo expositivo, no que se instalarán máis de 70 expositores”, explica Ana Trevisani, codirectora de Fairway. Na Feira de Fairway están representadas prácticamente todas as comunidades autónomas polas que pasan os distintos Camiños de Santiago. “Ademais, contamos tamén con expositores de fóra do país, como diferentes concellos do norte de Portugal, o Camiño Kumano Kodo de Xapón e, incluso, Malta, que este ano se incorporou á feira cun stand no que amosa o seu Camiño Maltés a Compostela, por poñer algúns exemplos”, engade a codirectora de Fairway, quen lembra que “a entrada ao recinto feiral é libre e totalmente gratuíta”.

Feira de Emprego

Ana Trevisani salientou tamén outra das grandes novidades desta quinta edición de Fairway: a Feira de Emprego, que terá lugar o mércores 1 de novembro. Esta nova sección, desenvolvida en colaboración coa Fundación Ronsel, pretende dar resposta ás necesidades do sector vencellado ao Camiño de Santiago, dadas as complicacións para atopar persoal especializado para as súas empresas.

Neste senso, desde a organización facilítase a presentación de ofertas por parte das empresas e tamén de entrega de currículos de persoas demandantes de emprego. “As persoas interesadas en presentar a súa candidatura a un dos postosd demandados só terán que cumprimentar un sinxelo formulario a través da web www.fairwaysantiago.com”, concreta a codirectora de Fairway.

Actividades de formación, debate e lecer

O programa de Fairway completarase coa posta en marcha de diversas actividades tanto de formación como de debate e lecer. “Para isto, ofrécense as propostas das seccións de Academy (con talleres formativos e mesas redondas centrados nas últimas tendencias no eido do marketing dixital aplicado ao sector do turismo e á economía circular); Congreso (con mesas de debate sobre temáticas de actualidade que preocupan ao sector), e o Open Day (con propostas de lecer para toda a familia, que terán lugar o día 1 de novembro)”, explica Tono Mugico, codirector de Fairway.

Todas estas propostas son de carácter gratuíto, previa inscrición a través do formulario habilitado na web de Fairway https://fairwaysantiago.com/inscripcion/. “Cómpre ter en conta que algunhas das actividades contan con prazas moi limitadas, polo que se precisa formalizar a reserva con carácter previo”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *