Fairway convértese hoxe e mañá no centro de debate sobre a economía circular e a aplicación dun modelo de turismo sustentable. O V Fórum do Camiño de Santiago iniciaba esta mañá as dúas xornadas profesionais coas seccións de Congreso e Academy, cunha conferencia inaugural baixo o título Economía Circular e Sustentabilidade.
Nela participaron o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o deputado da Deputación da Coruña, Antonio Leira, e a concelleira de Turismo de Santiago, Miriam Louzao. A sesión estivo moderada por Tono Mugico, un dos codirectores do Fairway, quen realizou unha breve introdución sobre a importancia de que o evento centrase a temática desta edición na Economía Circular e como esta se verá reflictida nas distintas actividades que se desenvolverán entre hoxe e mañá no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia.
Na súa intervención, Miriam Louzao agradeceu o traballo da organización a prol de fomentar “un espazo no que reflexionar e compartir ideas”, ao tempo que salientou o compromiso do Concello coa “transformación do modelo turístico de Compostela” no que “a economía circular e a sustentabilidade son dous elementos fundamentais”.
Para isto, os esforzos deberanse centrar en conseguir “un turismo de calidade e de valor engadido. Queremos que as persoas que nos visiten traian tempo nas súas mochilas, que nos queiran coñecer, que afonden na nosa cidade. Non somos só a meta dun Camiño, que tamén, somos unha historia, unha lingua, unha cultura. Somos gastronomía, artesanía, natureza, somos patrimonio mundial”, afirmou a concelleira. Louzao finalizou a súa intervención apelando á colaboración de todas as administracións e empresas do sector vencelladas ao Camiño de Santiago a traballar conxuntamente a prol dunha “política turística responsable, que mire a medio e longo prazo e coide o noso legado histórico, cultural e patrimonial”.
Pola súa banda, o deputado delegado do Camiño na Deputación de A Coruña, Antonio Leira, salientou a oportunidade de desenvolvemento que as Rutas Xacobeas supoñen para os municipios que atravesan. Neste senso, tomou como exemplo os itinerarios Inglés e Fisterra-Muxía que discorren integramente pola provincia coruñesa.
“O Camiño é unha fonte de ingresos e de mellora dos concellos, ao tempo que contribúe á loita contra a despoboación do rural. O fluxo crecente de peregrinos que transitan por estas zonas xera dinamismo económico a través do seu turismo rural, o que permite aproveitar todos os recursos naturais e culturais que nos ofrecen. Polo tanto, o seu papel no desenvolvemento económico é de vital importancia”, afirmou.
Finalmente, o director de Turismo de Galicia salientou os esforzos que desde a Xunta se están a realizar para garantir a xestión sostible do Camiño, con máis de 66 millóns de euros destinados a esta fin no horizonte do vindeiro Ano Santo 2027. Isto que permitirá, dixo, “velar pola esencia da ruta xacobea -cada vez máis desestacionalizada-, adaptarnos ás novas tendencias da peregrinación e manter os niveis de hospitalidade dos galegos”.
Neste sentido, Merelles avanzou os datos da Enquisa de Residentes que realiza de xeito anual desde 2020 a Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia para analizar a percepción dos galegos ante a actividade turística e os seus impactos. Estes amosan unha valoración global moi positiva en Galicia, xa que o 90% dos galegos valora de forma positiva ou moi positiva a presenza de turistas no seu municipio, porcentaxe que apenas varía desde o ano 2021. “Se seguimos afondando nun Camiño de Santiago diversificado, desestacionalizado e tamén sostible, conseguiremos manter esta boa convivencia”, concluíu.
Un modelo de turismo de respecto mutuo
O debate sobre o modelo turístico continuou na mesa de debate Veciños e turistas, condenados a entenderse. Moderada polo director de Onda Cero Galicia, Ignacio Capeáns, a sesión contou coa participación de Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña; Flavia Ramil, directora xerente de Turismo de Santiago; Miguel Pérez, presidente de Camiño Francés Federación; Pepe Formoso, presidente de APTCM; Aurea Domínguez e Lanzada Calatayud, presidenta e asistencia técnica da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, respectivamente, e Montserrat Villar, presidenta da Asociación veciñal A Xuntanza do barrio de San Pedro.
En primeiro lugar, Villar puxo sobre a mesa a problemática derivada da elevada afluencia de visitantes, que interfire no modelo de vida da veciñanza. Tomando esta idea como punto de partida, tanto Miguel Pérez como Pepe Formoso amosaron o seu malestar pola “culpabilización aos peregrinos” da situación exposta pola representante veciñal. Neste senso, salientaron a “capacidade do Camiño en converter a Galicia nun destino universal”.
Pola súa banda, Domínguez e Calatayud defenderon a importancia de promover modelos turísticos responsables, que permitan esa convivencia entre veciñanza e visitantes. E dando un chanzo máis, Ramil salientou o interese en visitantes de calidade como, por exemplo, os xaponeses, que se achegan a Compostela cun elevado interese en coñecer a súa cultura e o seu patrimonio.
Finalmente, Regueira manifestou a súa preocupación porque “un sector que supón o 14% do PIB galego e que impulsa o crecemento económico reciba tantas críticas”. Para tentar conciliar as posturas entre turistas e veciñanza, apelou ao papel das administracións como mediadoras. Así, propuxo medidas como trasladar á sociedade un relato positivo que inclúa as vantaxes que reporta o sector turístico, ao tempo que se procure acadar un turismo menos invasivo e que poida convivir coa poboación.
Na sesión de tarde do Congreso de Fairway, abordáronse outras posibles medidas, como a implantación ou non da taxa turística. Nesta mesa de debate, moderada polo xornalista Ramón Castro, participaron o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; a presidenta de Unión Hotelera Compostela, Luisa Lorenzo; o técnico de Comunicación de Turismo de Santiago, Jorge Carregal, e o responsable da promoción turística de Turismo Porto Norte, Marcos Sousa.
Últimas tendencias en márketing dixital
De xeito paralelo, a Sala Compostela do Palacio de Congresos acolleu as actividades da sección de Academy. A primeira delas foi un obradoiro sobre posicionamento en buscadores, a cargo de Iñaki Tovar, CEO de Webpositer, que tivo que intervir en liña ao non poder voar a Santiago.
Seguidamente, Andrés Romero, CEO de Asiri Marketing, moderou unha mesa redonda na que se falou sobre a creación de contidos en blogs e redes sociais. Para ilustralo, contou coa asistencia da blogger Eva Abal e do fotógrafo e Instagrammer Oliver Vegas, que se complementaron coa participación en liña do experto en Social Media, Phil González.
Xa pola tarde, desenvólvese un obradoiro sobre as ferramentas de Intelixencia Artificial, a cargo de Jairo Rodríguez, Customer Engineer, Google Cloud en Google. Finaliza esta primeira xornada de Academy cunha nova mesa redonda sobre Nómadas Dixitais. Neste caso, presentaranse os proxectos de Daniel Gómez (Node Nomads); Lili Lorenzo (Acto Voltaje); Carlos Jonay (Pueblos Remotos) e Sergio Cazcarra (Growth Coliving).
Primeira xornada de reunións de negocio
A actividade no Palacio de Congresos tamén foi moi intensa durante todo día co comezo do Workshop. Esta sección facilitará 4.150 reunións de negocio entre 40 turoperadores de 16 países e máis de 100 empresas locais vencelladas aos Camiños de Santiago.
Ademais, ofrecéronse varias presentacións no Hall A durante toda a xornada, como as da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés ou o documental de Flager Films.
Última xornada do Fairway
A programación do Fairway continuará mañá con novas sesións de Academy: con obradoiros sobre WhatsApp Marketing e comunicación instantánea e Tik Tok como ferramenta para xerar reservas en aloxamentos turísticos, e unha mesa redonda sobre Economía Circular, achegando diversos exemplos de negocio e proxectos baseados nesta filosofía.
Pola súa banda, o Congreso ofrecerá unha mesa redonda sobre Camiños e Rutas de peregrinación no mundo, cos exemplos de Malta, Xapón e Irlanda. Finalizará esta sección cunha mesa de debate sobre A xestión da seguridade e hixiene no Camiño de Santiago, coa participación de representantes institucionais e empresariais. Toda a información sobre o programa atópase en www.fairwaysantiago.com.