Fairway cumpre 10 anos desde a súa posta en marcha e quéreo celebrar ao grande, cunha sexta edición histórica e chea de novidades. A cita terá lugar entre os próximos 9 e 11 de novembro no Museo da Cidade da Cultura de Galicia, destacando polo seu carácter internacional e pola ampliación de propostas lúdicas.
A presentación do programa de actividades tivo lugar esta mañá no Hotel Monumento San Francisco. Os tres codirectores do evento, Ana Trevisani, Tono Mugico e Manuel Oreiro, estiveron acompañados no acto polo director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e polo deputado dos Camiños de Santiago na Deputación da Coruña, Antonio Leira. Ambos os representantes coincidiron á hora de destacar o evento como un espazo integrador das distintas perspectivas sobre os Camiños de Santiago e felicitaron á organización pola exitosa traxectoria dun evento que non parou de crecer.
Na súa intervención, Merelles aludiu á «necesidade de integrar a sustentabilidade no modelo de crecemento do Camiño de Santiago», considerado como «un recurso estratéxico na nosa comunidade», coa «desestacionalización como elemento nuclear da Estratexia 2030 da Xunta de Galicia». Non en balde, o director da Axencia Turismo de Galicia lembrou que, no que vai de ano, máis de 515.000 peregrinos recolleron a Compostela, un 7% máis que en 2024.
Pola súa banda, Antonio Leira destacou o Camiño Inglés como símbolo do «espírito de unión e apertura», ademais dun «referente de calidade, sustentabilidade e cooperación internacional». Neste sentido, posicionou a Fairway como un espazo de «oportunidade para seguir innovando, para fortalecer os destinos xacobeos e que o turismo siga sendo un aliado no desenvolvemento equilibrado e da protección do noso patrimonio natural e cultural».
Máis actividades que nunca
Enlazando con ese carácter integrador, Ana Trevisani lembrou que Fairway é «un exemplo de colaboración público-privada» no desenvolvemento dun proxecto que facilita a coordinación entre diferentes administracións unidas por un mesmo obxectivo. Unha liña que se mantivo desde os inicios do evento e que busca «achegar o seu granito de area» ao sector vinculado ao Camiño.
Sobre as principais novidades desta sexta edición, Trevisani detallou que se organizan unha trintena de iniciativas que permitirán ofrecer ata 1.500 prazas. A entrada é gratuíta e, para as propostas con límite de prazas, requírese inscrición en www.fairwaysantiago.com. “Quen queira asegurarse a participación poden reservar pagando 5 € por persoa/actividade”, explicou.
A xornada con maior número de propostas será o Open Day, o domingo 9 de novembro. Durante todo o día, o Museo do Gaiás converterase nun fervedoiro de actividades. A codirectora de Fairway anunciou a incorporación de diferentes propostas gastronómicas. Entre elas atópanse, degustacións de vermuts e queixos polos sabores da paisaxe que sabe, e de licores e repostería dos Camiños de Santiago, que correrán a cargo de Jorge Guitián. A estas, sumaranse dous talleres de Sabores do Camiño con Artesanía Alimentaria de Galicia e produtos galegos con DOP e IGP da man do chef José Manuel Mallón e en colaboración co AGACAL.
Outra das grandes novidades será a celebración da sesión Vermúway, que poñerá ritmo ao Open Day cunha sesión musical a cargo de Señora DJ (de 13.30 a 15.30 horas). Unha actividade que se complementará co Gastroway – Vermut & Tapas A paisaxe que sabe, entre as 13.30 e as 17.00 horas. «Todas as persoas que se acheguen ao Gaiás no Open Day poderá gozar dunha completa degustación de tapas de produtos locais da gastronomía coruñesa. Unha oportunidade única para descubrir a súa calidade e sabor», explicou Trevisani. Para iso, contarase con empresas de referencia como Chichalovers, Espazo Abella, A Empanada Viaxeira, A Conserveira, Cienporcel, Vermú Lodeiros & Patacas Bonilla ou Xearte Brigitte.
Non faltarán no Open Day propostas xa consolidadas como o iCamino ou os escape rooms. A eles engadirase outra novidade: Talleres de papiroflexia para pequenos camiñantes (con sesións ás 11.30, 13.00 e 17.00 horas). «O colofón a esta xornada de portas abertas, como xa é habitual, será a actuación de Xabier Díaz ás 18.00 horas», concluíu. O programa lúdico estenderase tamén ás xornadas do luns 10 e martes 11 con scape rooms e tamén con catas de MEGA.
Feira con máis de 70 casetas
Por outra banda, durante os seus tres días de celebración, Fairway ofrecerá unha ampla Feira do Turismo e o Camiño «con máis de 70 casetas. Aquí atoparedes de todo: desde destinos turísticos nacionais e internacionais a diferentes empresas de servizos. A oferta máis ampla do sector está en Fairway e é o lugar ideal para quen queira planificar a súa seguinte escapada», sentenciou Ana Trevisani. Destaca especialmente a presenza de Portugal, que cada edición atopa no evento un punto idóneo para a súa promoción, ademais doutros territorios como Murcia, Asturias, Sevilla, Badaxoz, Ourense, Pontevedra etc. Tanto a Axencia Turismo de Galicia como Turismo da Deputación da Coruña contarán con áreas destacadas na zona expositiva.
Gran sorteo 10 anos de Fairway
Outra das grandes novidades desta edición será o gran sorteo dos 10 anos de Fairway, con agasallos para as persoas que completen a súa My Camiño no recinto feiral. Para poder participar no sorteo, deberase recoller a credencial na Secretaría de Fairway e visitar 10 casetas da feira. Para acreditalo, deberán contar coa decena de selos correspondentes no documento. Unha vez cotexados pola organización, deberán cubrir os seus datos para participar no sorteo.
Fairway sacará cada día as papeletas gañadoras ás 19.00 horas na zona de presentacións e as persoas agraciadas deberán estar presentes para recoller os seus agasallos. Entre os premios atópanse os seguintes: unha viaxe a Ilha Terceira (Azores); estancias e experiencias en Murcia, o Camiño Inglés e outros puntos de Galicia, así como lotes de produtos.
A edición máis internacional
A sexta edición de Fairway tamén terá un marcado carácter internacional, grazas ao Workshop, que se desenvolverá o luns 10 e o martes 11 de novembro. Cun total de 43 operadores turísticos de 18 países, “celebraremos máis de 3.000 reunións de traballo entre empresas e hosted buyers procedentes de países como Alemaña, Arxentina, Australia, Estados Unidos, Irlanda, Xapón, México, Portugal ou Sudáfrica”, explicou Manuel Oreiro.
Trátase, pois, do Workshop máis grande da historia do Fairway, e con maior número de nacionalidades. Ademais, dado o interese suscitado pola participación destas grandes operadoras turísticas, “rexistramos un incremento dun 32% no número de empresas rexistradas como sellers”, concretou Oreiro. Gran parte delas son compañías pequenas que participan por primeira vez atraídas polas favorables cifras de negocio en anteriores edicións do Workshop.
Foro Turismo e Camiño
Outro dos pratos fortes de Fairway será o Foro Turismo e Camiño, que ofrecerá durante os días 10 e 11 de novembro mesas de debate e sesións formativas con expertos de referencia. Sobre estes últimos, Tono Mugico indicou que, «para esta edición, contaremos cun taller sobre como definir e medir os obxectivos de negocio e outro sobre o uso de Chat GPT na xestión de negocios turísticos, respectivamente. Sempre buscamos achegar ao sector unha formación de calidade da man de profesionais de prestixio», concluíu. Así, a sesión do luns 10 será dirixida por Ignacio Fernández Zabala, director en Handmade Marketing, especializado en SEM e Google Ads, mentres que a do martes 11 correrá a cargo de Juan Frejo García, destacado experto en IA.
Pola súa banda, as mesas de debate centraranse en temáticas como a turistificación, a taxa turística, a convivencia entre veciñanza e visitantes, ademais dos cambios sobre a obtención da Compostela. Como novidade desta edición, e en resposta ás demandas dun público cada vez máis internacional, «ofreceremos un servizo gratuíto de tradución simultánea por IA a inglés, portugués, español e galego», explicou Mugico. Para seguir en directo as sesións, as persoas interesadas poderán acceder a través da lectura dun código QR que verán na sala a unha aplicación específica onde poderán escoitar os debates a través dos seus auriculares.
Desde a organización de Fairway esperan que esta edición volva bater récords de participación. Ao tempo, os codirectores animaron a poboación e visitantes a achegarse á Cidade da Cultura para descubrir todas as propostas que o Fórum do Camiño de Santiago ten preparadas.
