Saltar ao contido

Fairway Santiago 2023

Fairway
Home » Fairway abre as portas da edición máis completa e máis internacional coa Economía Circular como fío condutor

Fairway abre as portas da edición máis completa e máis internacional coa Economía Circular como fío condutor

  • por

Fairway vén de abrir as portas da edición máis completa e máis internacional, coa temática da Economía Circular como fío condutor do seu amplo programa de actividades. O Pazo de Congresos e Exposicións acolle unha feira na que participan máis de 80 expositores nos que están representados os Camiños de Santiago e practicamente todas as comunidades autónomas, ademais de destinos de fóra de España (Portugal, Malta, ou Xapón, entre outros).

A inauguración oficial do evento desenvolveuse esta mañá e estivo presidida pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e o deputado delegado do Camiño na Deputación de A Coruña, Antonio Leira. Os codirectores do Fairway, Ana Trevisani, Manuel Oreiro e Tono Mugico, acompañaron ás autoridades no seu percorrido polos máis de 2.000 m2 de espazo feiral para despois proceder á apertura desta cita.

A rexedora compostelá salientou a importancia dos Camiños de Santiago como grandes reclamos de visitantes á cidade. Porén, Sanmartín lembrou a necesidade de fomentar a atracción de “un turismo de calidade, sustentable, respectuoso, que deixe retorno económico e que fomente a convivencia”, tanto durante a peregrinación como na chegada a Compostela. Neste senso, gabou a escolla da temática da economía circular, xa que “hai unha forte demanda social para modelos de comercio e consumo máis responsables, e un destino como Santiago non pode quedar aparte e Fairway é un dos foros máis acaídos para abordar estas cuestións”.

O director da Axencia de Turismo de Galicia puxo en valor a importancia das Rutas Xacobeas como grandes eixos de promoción dos atractivos da rexión. Ademais, indicou que Fairway suporá unha boa oportunidade para “debater e avanzar na xestión sustentable do Camiño de Santiago”. Na súa intervención na inauguración do evento, Merelles destacou que a sostibilidade é un dos obxectivos marcados pola Xunta. “Falamos dunha ruta xacobea cada vez máis diversificada e desestacionalizada e tamén de novas tendencias na peregrinación que todas as administracións temos que atender”, asegurou.

Finalmente, Antonio Leira salientou tamén a importancia de “promover prácticas responsables e sostibles no Camiño, que é moito máis que un sendeiro ancestral; é testemuña da nosa historia”. O deputado provincial asegurou que Fairway “conforma un espazo onde intercambiar ideas” e desexou que este evento “sirva para inspirar ese cambio co obxectivo de que o Camiño perdure para futuras xeracións”.

Baixo o lema Fai circular o teu Camiño, Fairway quere “pór de manifesto a importancia de desenvolver un turismo sostible e respectuoso co medio”, indicou Ana Trevisani, codirectora do evento. Ademais, lembrou que esta quinta edición “é a da reactivación e consolidación definitiva do Fairway”. Ao longo destes anos, o foro contribuíu “a mellorar, promocionar e construír unha mellor experiencia do Camiño”.

A codirectora do evento realizou un repaso polas principais actividades que se desenvolverán nestas tres xornadas e salientou o récord de participación na feira, con máis de 80 expositores, e no Workshop, con 4.150 reunións de negocio programadas entre 40 turoperadores de 16 países de máis de 100 empresas vencelladas aos Camiños de Santiago. Do mesmo xeito, salientou unha das principais novidades desta edición: a Feira de Emprego. “Era unha antiga demanda do sector e, por fin, puidemos materializala. Hoxe mesmo realizaranse preto de 200 entrevistas de traballo e orientación laboral presenciais”, afirmou.

Fairway tamén ofrecerá dúas xornadas cheas de debate e formación coas seccións de Congreso e Academy. No primeiro caso, “debatirase sobre temas candentes, como a convivencia entre veciñanza e turistas ou a taxa turística” e, no segundo, ofrecerase “formación ao sector sobre marketing dixital, novas tecnoloxías e ferramentas de comercialización”, detallou Ana Trevisani.

Pola súa banda, Tono Mugico agradeceu a implicación e apoio das distintas administracións ao evento e amosouse moi satisfeito por ver “canta xente quere facer circular o seu Camiño no Fairway. Poder unir tantos esforzos é algo moi bonito”. Manuel Oreiro tamén amosou o seu agradecemento a “todos os axentes implicados no desenvolvemento desta cita” e indicou que “entre todos, formamos parte desa familia que provoca que os peregrinos poidan vivir a que pode ser unha das experiencias vitais máis importantes da súa vida”.

Feira de Emprego e actividades para todos os públicos no Open Day

A xornada inaugural do Fairway, V Fórum do Camiño de Santiago ofrece, ademais do espazo feiral, unha Feira de Emprego -en colaboración coa Fundación Ronsel- e propostas de lecer para toda a familia dentro do Open Day.

No primeiro caso, desenvolveranse un total de 182 entrevistas presenciais: 69 entrevistas de traballo presenciais  coas empresas inscritas na Feira de Emprego e outras 37 xestionadas a través da Fundación Ronsel; 43 entrevistas de orientación laboral, e 33 de autoemprego. A Feira de Emprego inclúe tamén diversas mesas redondas nas que se tratan temáticas como o emprendemento no Camiño, a selección de persoal ou o Programa Retorna da Xunta de Galicia. Ademais, haberá obradoiros para aprender como afrontar unha entrevista de traballo.

O programa do Open Day, pola súa banda, arrancou esta mañá coa saída dunha nova edición da Ruta “I Camino” para despois continuar no Pazo de Congresos e Exposicións con diversas sesións de Escape Room. Tamén regresa unha nova edición do Gastroway, con petiscos típicos das distintas comunidades polas que pasan os Camiños, que se combina cunha degustación gratuíta de Filloas de Lestedo, ofrecida pola Asociación Cultural da Filloa (Lestedo-Boqueixón), unha das novidades desta edición. Outra das novidades do Open Day é a exhibición de Pratería e Acibechería protagonizada por artesáns de Ourives de Compostela, que sorprenden ao público co seu bo facer.

Os pratos fortes desta xornada son o espectáculo de Quico Cadaval e Sole Felloza, Peregrinas do Além. Instrucións para voltar á casa quando xa morriches, e o concerto de Xabier Díaz (en formato trío). Con este último, porase o broche a unha xornada festiva chea de propostas para todos os públicos. A entrada é de balde ata completar aforo.

Workshop, Congreso, Academy e presentacións

A programación do Fairway continuará mañá e pasado, coas reunións de negocio previstas no Workshop. Ofreceranse tamén unha ducia de obradoiros, mesas de debate e redondas nas seccións de Academy e Congreso, que se combinarán con presentacións de destinos e proxectos.

Toda a información sobre o programa atópase en www.fairwaysantiago.com.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *