Saltar ao contido

Fairway Santiago 2025

Home » A Cidade da Cultura acollerá a sexta edición do Fairway entre os días 9 e 11 de novembro

A Cidade da Cultura acollerá a sexta edición do Fairway entre os días 9 e 11 de novembro

  • por
Fairway-Portada web-GAL

Fairway celebrará os dez anos da súa posta en marcha cunha edición cargada de novidades. O Fórum do Camiño de Santiago, único punto de encontro profesional deste sector, terá lugar entre os vindeiros 9 e 11 de novembro na Cidade da Cultura de Galicia e contará cun amplo programa de actividades abertas ao público.

“Queremos achegar aínda máis o evento á poboación de Santiago”, explican desde a organización. Para isto, ofreceranse diferentes tipos de propostas, entre as que non faltarán as gastronómicas, que neste VI Fairway contarán cun papel moi destacado. “Ademais, teremos sorpresas para todas as persoas que se acheguen á nosa feira en calquera das tres xornadas, cuxo acceso é libre”, engaden. O día que concentrará maior número de propostas será o domingo 9 de novembro, coa tradicional celebración do Open Day.

O espazo feiral poderase percorrer nas instalacións do Museo da Cidade da Cultura do 9 ao 11 de novembro. Aquí atoparanse todo tipo de expositores: destinos nacionais e internacionais, empresas de servizos, equipamentos, hoteis, axencias de viaxes, asociacións vencelladas aos distintos camiños, guías turísticos, marketing e novas tecnoloxías… Así, presentarase unha oferta turística do máis ampla en torno aos Camiños de Santiago.

O Workshop máis grande

Outra das seccións de referencia é o Workshop, que se desenvolverá os días 10 e 11 de novembro. Nesta ocasión, contará cun total de 42 turoperadores de 18 países, de puntos tan variados como Alemaña, Arxentina, Australia, Estados Unidos, Irlanda, México, Portugal, Sudáfrica e Xapón. Máis dun cento de empresas terán a oportunidade de reunirse con estes “Hosted Buyers” internacionais que operan nos Camiños de Santiago. Programaranse máis de 3.000 encontros de negocio, sendo este o Workshop máis grande da historia do Fairway, e con maior número de procedencias.

Foro de Turismo e Camiño

A turistificación será a temática do VI Fairway Fórum do Camiño de Santiago. Para abordala dende diferentes perspectivas, ofrecerase durante as xornadas do 10 e 11 de novembro o Foro de Turismo e Camiño. Mesas de debate sobre aspectos como a taxa turística, a convivencia entre veciñanza e visitantes e os cambios sobre a obtención da Compostela estarán no foco do intercambio de opinións por parte de diferentes representantes públicos e privados.

Seguindo a súa filosofía de favorecer unha formación específica e de calidade para os profesionais do sector, Fairway tamén ofrecerá dúas sesións prácticas sobre as últimas tendencias. Neste senso, o uso da Intelixencia Artificial na xestión dos negocios e a interpretación de datos centrarán as propostas para este ano.

As inscricións a as actividades tanto do Open Day como do Foro Turismo e Camiño abriranse o día 20 de outubro, xa que contan con prazas limitadas. Deberanse formalizar cubrindo un formulario na web do evento www.fairwaysantiago.com.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *