Saltar ao contido

Fairway Santiago 2025

Home » Fairway pechou o seu décimo aniversario cun éxito de asistencia sen precedentes

Fairway pechou o seu décimo aniversario cun éxito de asistencia sen precedentes

  • por

A organización do VI Fairway -integrada polas empresas Trevisani, Viaxes Viloria e Mr Turismo Marketing en Acción- realizou un positivo balance do evento, destacando que se rexistrou “un éxito de asistencia sen precedentes”, achegándose ás 5.000 persoas participantes. Parte deste incremento de asistentes débese ao reforzo de actividades de lecer organizadas tanto para o propio Open Day como para as xornadas de luns e martes. O VI Foro do Camiño de Santiago celebrouse entre os pasados días 9 e 11 de novembro nas instalacións do Museo da Cidade da Cultura de Galicia.

As propostas relacionadas coa gastronomía -destacando entre elas o Gastroway Vermú&Tapas A provincia que sabe da Deputación da Coruña, que se combinou coa sesión de Señora DJ, os talleres e showcookings-, foron, con diferenza, as máis demandadas. Non en balde, as prazas esgotáronse rapidamente, o que indica a súa gran aceptación entre o público.

Outro dos grandes reclamos do VI Fairway foi a Feira de Turismo e Camiño, na que participaron máis de 70 expositores nacionais e internacionais. Especial relevancia tivo o espazo de Visit Portugal, que atraeu a numerosas persoas coas distintas iniciativas desenvolvidas en 3 xornadas do evento, destacando as relacionadas coa gastronomía portuguesa. “A ampla e variada oferta presentada levou á xeración dun gran número de contactos comerciais e que suscitou tamén interese entre o público, que atopou en Fairway o espazo idóneo para a súa próxima escapada”, explica Ana Trevisani, codirectora do evento.

Ademais da feira e as actividades lúdicas, o evento converteuse no foco das miradas polo seu Foro Turismo e Camiño, ao que acudiron máis de 600 persoas nas súas diferentes sesións. Tal e como indicou o codirector Tono Mugico, “os debates sobre turistificación e taxa turística foron os que chamaron máis a atención e nos que, seguindo o espírito de Fairway facilitamos a posta en común das diferentes partes implicadas naquelas temáticas que preocupan ao sector”.

Desa posta en común xurdiron aspectos como a necesidade de coordinar esforzos entre as administracións para optimizar os fluxos turísticos nos Camiños de Santiago. Sobre a propia turistificación, tanto institucións como entidades privadas chegaron á conclusión de que non existe como tal, pero si que se deben tratar problemáticas derivadas de saturacións puntuais en momentos e espazos concretos, adoptando medidas que sirvan para descentralizar e desestacionalizar, na medida do posible, eses fluxos de visitantes.

No debate sobre a taxa turística non se puido finalmente concretar onde se investirá exactamente o diñeiro nin se tampouco reverterá directamente no sector. Entre aqueles aspectos nos que se podería investir mencionáronse problemáticas como a perda de conexións aeroportuarias na capital galega, que prexudican moito ao sector.

Tamén xeraron gran interese tanto a conferencia inaugural -protagonizada polo director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e polo vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira-, como a mesa de debate sobre a democratización do Camiño de Santiago e sobre os recentes cambios aplicados na normativa para a obtención da Compostela. Sobre este último aspecto, non se puido lanzar luz sobre cales son as motivacións da Igrexa que levaron ás devanditas modificacións nin tampouco á elección de certas rutas en detrimento de outras.

O Workshop máis grande

As xornadas do pasado luns e martes contaron cunha actividade frenética durante todo o día na sección de Workshop. “Este ano contamos con 43 Hosted Buyers procedentes de 18 nacionalidades diferentes e máis Sellers que nunca, 140, participando moitos deles por primeira vez. Isto permitiunos desenvolver ao redor de 3.200 reunións de traballo”, explica Manuel Oreiro, codirector do evento.

“Tanto Hosted Buyers como Sellers mostraron a súa satisfacción polo desenvolvemento destas reunións e polas oportunidades empresariais que abren”. Así, pódese falar dunhas cifras de negocio superiores ás de edicións anteriores. E é que “Fairway xa se considera como a plataforma de venda de produtos e servizos dos Camiños, participando empresas de Asturias, Cantabria, Navarra, Lugo, Ourense, A Coruña, Pontevedra e tamén do Norte de Portugal”, conclúe Oreiro.

Un dos aspectos fundamentais que permite que os operadores turísticos teñan maior interese se cabe no Camiño é a organización dos 3 Fam Trips previos a Fairway. Nesta ocasión, preto dunha trintena de Hosted Buyers puideron coñecer e vivir en persoa a experiencia nos Camiños Inglés, Portugués e Vía da Prata. Unhas iniciativas que foron posibles grazas ao apoio da Deputación da Coruña, da Deputación de Pontevedra e do INORDE, respectivamente.

Finalmente, outro dos reclamos do público de Fairway foi a celebración dos distintos sorteos do décimo aniversario do evento. Como condición para poder participar, debíase cubrir a credencial My Camino e entregala con 10 selos doutros tantos expositores da feira. Durante as tres xornadas de Fairway repartíronse máis de 300 credenciais que optaron a algún dos 7 grandes premios: unha viaxe a Ilha Terceira (Azores) -cortesía de YuTravel-; estancias e experiencias en Caravaca de la Cruz -de Turismo de Murcia-, as cabanas de Beche -Asociación de Municipios do Camiño Inglés- e en Caldaria Balnearios -INORDE-, así como lotes de produtos con calidade diferenciada (DOP, IGP, produción ecolóxica e Artesanía Alimentaria) -cortesía de AGACAL-.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *