Tras a excelente acollida da súa xornada de portas abertas, o VI Fairway continuou hoxe a súa andaina poñendo o foco naquelas temáticas que importan ao sector. A procura da excelencia na sustentabilidade e a turistificación centraron os debates desta mañá, facilitando a expresión de distintos puntos de vista por parte dos diferentes axentes implicados no desenvolvemento das Rutas Xacobeos.
A conferencia inaugural foi moderada polo codirector de Fairway, Tono Mugico, e nela participaron o presidente da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira. Ambos coincidiron á hora de definir o Camiño de Santiago como un dos produtos turísticos por excelencia de Galicia en xeral, e da provincia da Coruña en particular. Dado o éxito das Rutas Xacobeas, tanto Merelles como Regueira puxeron de manifesto a importancia de traballar en modelos de xestión conxuntos que favorezan tanto a profesionalización como a promoción dun sector crave no desenvolvemento económico do territorio.
Neste sentido, Xosé Regueira lembrou que se deben aproveitar as “oportunidades” que brinda o turismo vinculado ás Rutas Xacobeas, xa que supón unha “panca para facer economía” na comunidade. Merelles, pola súa banda, puxo de manifesto que a “sustentabilidade é a clave para o crecemento do modelo turístico”, baseándose en principios como a “unión, igualdade e pluralismo”.
Intenso debate sobre turistificación
Tras esta primeira sesión, abriuse a mesa de debate sobre Turistificación, moderada polo xornalista, escritor e experto en Comunicación, Pati Blanco, e cuxo obxectivo foi achegar distintos puntos de vista sobre esta temática que se atopa tan en boga. O punto común en todas as intervencións foi a necesaria cooperación público-privada para a xestión, mantemento e promoción do turismo en xeral e do asociado aos Camiños de Santiago en particular.
Así, Ildefonso de la Campa, director da S.X. do Plan Xacobeo, defendeu que non existe unha turistificación como tal hoxe en día. Con todo, si apelou á importancia de “traballar dunha forma coordinada” a través dun “diálogo constante” entre as entidades públicas e privadas, tendo sempre en conta que se debe “buscar a inclusividade no turismo”. Para iso, o sector debe coñecer e adaptarse ás necesidades do mercado. “Hai que estar moi atentos á oferta e á demanda”, afirmou.
A perspectiva máis local achegouna María Luisa Rodríguez, presidenta da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, quen destacou as “vantaxes” que as Rutas Xacobeas achegaron ao territorio. “Deron moita vida aos municipios”, asegurou, apelando á importancia de promocionar, coidar e xestionar adecuadamente este produto turístico.
Desde o país veciño, Teresa Ferreira, directora do Departamento de dinamización dos recursos turísticos de Turismo de Portugal, incidiu na importancia de desenvolver accións que permitan “a dispersión de fluxos turísticos”, así como no “traballo conxunto de institucións e axentes económicos”. Ademais, aludiu a que se debe apostar por esa “proposta de valor á que hai que asociar os Camiños de Santiago”, divulgando itinerarios menos coñecidos e atraendo aos visitantes a través do “valor cultural e espiritual” das localidades polas que pasan.
Pola súa banda, Jorge Carregal, responsable de Comunicación de INCOLSA-Turismo de Santiago, incidiu en que a turistificación “non é un problema, pero si unha realidade”, indicando que Santiago é un destino “en risco de masificación”. Por iso, débese “diagnosticar a situación e tomar medidas correctoras”. Un aspecto que se prevé levar a cabo desde o Concello de Santiago a través da redacción “dun plan estratéxico” que ten por obxectivo “cambiar o modelo turístico da cidade”, buscando unha “mellora na calidade”.
Sobre os cambios, o presidente da Agrupación industrial de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, aludiu a un problema de “descoordinación” en aspectos como “conexións aeroportuarias”. Ademais, asegurou que para a xestión do turismo débese xerar “unha oferta regulada como actividade empresarial” vinculada ao sector turístico.
Bernardo Fernández, presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, indicou que “a infraestrutura non creceu na mesma proporción que a demanda”. Neste sentido, definiu esta situación como “unha oportunidade de negocio”, non sen ter en conta que “o propio sector tense que regular” neste aspecto.
Xa desde unha perspectiva técnica, José María de Juan Alonso, socio director de Koan Consulting, aludiu á necesidade de analizar “a situación desde unha perspectiva integral”. Para iso, débense “coordinar as políticas para obter un turismo sostible e de calidade”.
O Foro Turismo e Camiño continúa esta tarde cun taller formativo sobre monitorización impartido por Ignacio Fernández Zabala, director de Handmade Marketing. Na sesión, mostrará ás persoas asistentes como utilizar as ferramentas dixitais para definir KPIs e utilizalos a favor dun negocio turístico.
Workshop e presentacións
Fairway iniciou tamén esta mañá as sesións do Workshop máis grande da súa historia, coa participación de 43 operadores turísticos procedentes de 18 países que se reunirán con ao redor de 140 empresas que ofrecen servizos nos Camiños de Santiago. Prevese a organización de máis de 3.000 encontros profesionais entre a xornada de hoxe e a de mañá.
Ademais, durante a xornada de hoxe desenvolvéronse presentacións sobre varios destinos e iniciativas como os Camiños Portugueses de Santiago, as actividades da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, o Camiño Fisterra-Muxía, o Camiño da Cruz de Caravaca, o Camiño Vertical e a especialización cicloturista da Vía da Prata ao seu paso pola provincia de Ourense. Como complemento, celébranse actividades como os escape rooms e catas comentadas de cervexa.
