Saltar ao contido

Fairway Santiago 2025

Home » Fairway celebra o seu décimo aniversario como exemplo de profesionalización do sector do Camiño de Santiago

Fairway celebra o seu décimo aniversario como exemplo de profesionalización do sector do Camiño de Santiago

  • por
InauguracionFairway2025

Fairway abriu esta mañá as súas portas celebrando o seu décimo aniversario como exemplo de profesionalización do sector vinculado ao Camiño de Santiago. Unha perspectiva na que coincidiron as autoridades participantes na inauguración oficial do evento e que contou coa presenza do director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o deputado delegado dos Camiños de Santiago na Deputación da Coruña, Antonio Leira; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e os tres codirectores desta cita, Tono Mugico (Mr Turismo Marketing en Acción), Ana Trevisani (Trevisani) e Manuel Oreiro (Viaxes Viloria).

A apertura oficial de Fairway 2025 foi conducida por Tono Mugico, quen lembrou os comezos do evento e como as tres empresas que o organizan viron “a necesidade de ofrecer un espazo” para o sector vinculado ao Camiño de Santiago. Dez anos despois, a cita converteuse en todo un referente e cada vez conta con maior número de colaboracións.

Sobre elas, Ana Trevisani destacou o apoio que desde a primeira edición tivo a cita por parte de Turismo de Galicia, da Deputación da Coruña e do Concello de Santiago, sumando cada vez máis institucións, ás que mostrou o seu agradecemento por confiar neste proxecto: “Fairway é a suma de moitas mans e vontades, sendo o obxectivo a mellora do Camiño de Santiago e do turismo en xeral”, concluíu.

Sobre estes últimos aspectos, Manuel Oreiro puxo en valor a capacidade do evento de atraer a operadores turísticos internacionais que operan nas distintas Rutas Xacobeos e que chegan a Compostela co obxectivo de reunirse con empresas locais, dinamizando, deste xeito, o desenvolvemento económico do sector.

Pola súa banda, Antonio Leira definiu Fairway como “punto de unión entre territorios” e comparou o poder integrador do evento co dos Camiños Inglés e Fisterra-Muxía que discorren integramente pola provincia coruñesa. “Foron moitos anos de traballo e cooperación entre institucións e concellos, que manteñen viva a esencia dos Camiños, que son moito máis que roteiros espirituais. Son unha oportunidade real para o desenvolvemento do territorio”, aseverou.

A integración das distintas perspectivas no evento centrou tamén a intervención de Xosé Manuel Merelles. O director da Axencia Turismo de Galicia puxo en valor, ademais, “a importancia de apoiar a profesionalización dos actores que interveñen na xestión da experiencia do Camiño de Santiago”. Un aspecto ao que Fairway contribuíu na súa década de existencia e que, desde a súa posta en marcha, “veu cubrir unha necesidade” de ofrecer ese fundamental punto de encontro do sector.

Goretti Sanmartín, que pechou o acto de inauguración, sumouse ás anteriores perspectivas, felicitando á organización polo desenvolvemento do evento. Ademais, lembrou a importancia de sumar esforzos para “afrontar os distintos retos do Camiño de Santiago. Precisamos avanzar na liña da sustentabilidade encamiñada a conseguir un modelo turístico de calidade que teña como referencia singular ese equilibrio entre camiñantes e veciñanza”, concluíu.

Actividades para todos os públicos

A xornada inaugural de Fairway ofrece unha ampla programación para todos os públicos, que comezaron ás 09.00 horas co desenvolvemento do iCamino. Durante toda a mañá e a tarde sucédense diferentes actividades, entre as que destacan catas de queixos, vermús, repostería e licores da provincia da Coruña (a cargo de Jorge Guitián); showcookings con produtos de Artesanía alimentaria, con DOP e IGP (protagonizados polo chef Manuel Mallón); talleres infantís de origami ou escape rooms.

Como novidade e para celebrar o décimo aniversario, ofreceuse unha sesión vermú con Señora DJ e o Gastroway Vermú&Tapas A Paisaxe que sabe, onde as persoas asistentes puideron degustar produtos e pratos de empresas e chefs da provincia da Coruña. Esta actividade gastronómica permite gozar dun menú completo a través das propostas de Vermú Lodeiros e Patacas Bonilla; Cienporcel; A Conserveira; A Empanada Viaxeira; Chichalovers; Abella Espazo Gastronómico; Asociación Cultural da Filloa de Lestedo e Xearte Brigitte.

Como broche a este Open Day se reserva a celebración do concerto de Xabier Díaz. O artista regresa ao evento cunha actuación en formato trío ás 18.00 horas.

Premios por visitar a feira

Desde hoxe e ata o martes 11, Fairway ofrece unha Feira de Turismo e Camiño con máis de 70 expositores. Ademais, para celebrar o seu décimo aniversario puxo en marcha a iniciativa My Camino. Trátase dunha credencial que as persoas asistentes deberán selar -facendo un paralelismo co documento utilizado durante a peregrinación- en 10 das casetas do espazo expositivo. Unha vez completado poderán participar no sorteo de extraordinarios premios, que terá lugar cada día ás 18.45 horas na zona de presentacións e deberase estar presente para poder recollelos.

Os premios son unha viaxe a Ilha Terceira (Azores) de 3 noites para 2 persoas (cortesía de YuTravel); unha estancia en Caldaria Hoteis Balnearios para dúas persoas (Inorde); unha experiencia en Caravaca de la Cruz (Murcia) para dúas persoas (Turismo da Región de Murcia); unha estancia nas cabanas de Beche (Abegondo) para 2 persoas (Asociación de Municipios do Camiño Inglés) e 3 lotes de produtos galegos con calidade diferenciada (DOP, IXP, Produción ecolóxica e Artesanía Alimentaria).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *