Saltar ao contido

Fairway Santiago 2025

Home » Xabier Díaz poñerá o broche a un Open Day cunha trintena de actividades para todos os públicos

Xabier Díaz poñerá o broche a un Open Day cunha trintena de actividades para todos os públicos

  • por

O VI Fairway abrirá este domingo 9 de novembro as súas portas cun Open Day cheo de actividade. Unha trintena de propostas para todas as idades e gustos farán do Museo da Cidade da Cultura o espazo ideal para pasar unha xornada en familia, que terá como colofón o concerto de Xabier Díaz.

A actuación terá lugar ás 18.00 horas e desenvolverase en formato trío, xunto con Roberto Grandal (acordeón) e Iván Costa (zanfona). Esta proposta de Música tradicional galega con alma servirá como colofón ás propostas desenvolvidas durante todo o Open Day.

Desde a organización lembran que o acceso a Fairway é gratuíto. As persoas que queiran asegurar a súa praza nas actividades con aforo limitado, poderán realizar un pago simbólico de 5 €. Con todo, existe a posibilidade de inscribirse na lista de espera gratis -pero sen garantía de praza-, a través do formulario da web.

A actividade do Open Day comezará á primeira hora cunha nova edición do iCamino, coa Praza do Obradoiro como punto de partida para os dous grupos (que sairán ás 09.00 e ás 10.00 horas, respectivamente). Con ata 150 persoas por quenda, realizarase un percorrido que une os 5 Camiños que entroncan en Compostela, con explicacións de guías turísticos oficiais.

Xa nas instalacións do Museo da Cidade da Cultura, as propostas comezarán ás 10.30 horas, coa primeira das 4 sesións do Escape room do Camiño A reliquia do Apóstolo. Cun aforo máximo de 10 persoas por horario, terán lugar ás 11.30, 16.00 e 17.00 horas.

Unha das novidades deste ano será a chegada, por primeira vez a Santiago, da exposición Elías Valiñas. O inventor da frecha amarela. A mostra, composta por paneis explicativos e imaxes, poderase visitar no hall previo á zona do auditorio durante as tres xornadas do evento, en horario de 10.00 a 19.00 horas.

Os pequenos da casa tamén terán o seu espazo no Open Day, coa celebración de tres sesións de talleres de origami. Estas propostas, impartidas por Anaquiños de papel, diríxense a nenas e nenos a partir de 6 anos e desenvolveranse ás 11.30, 13.00 e 17.00 horas.

Catas, talleres e degustacións gastronómicas

Xa na zona de presentacións (planta -1 do Museo), o escritor e divulgador gastronómico Jorge Guitián impartirá unha cata de vermú e queixos ás 12.00 horas. Nela, mostrará a diversidade de matices nesa Paisaxe que sabe da Deputación da Coruña. Guitián ofrecerá outra cata ás 18.15 horas, cun percorrido doce por diferentes Camiños acompañado por licores.

Desde a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) ofreceranse dous talleres de Sabores do Camiño, que correrán a cargo do chef José Manuel Mallón, de D’Outrora Food & Service. Terán lugar ás 13.15 e ás 17.00 horas no Hall de Tirante do Museo (planta 0).

Para as persoas que queiran aproveitar o Open Day para pasar un día en familia no VI Fairway, ofrécese o Gastroway – Vermut & Tapas A Paisaxe que sabe, de 13.30 a 17.00 horas. Nesta ocasión, a degustación de produtos e pratos correrá a cargo de empresas e chefs da provincia da Coruña. Unha oportunidade única para degustar os matices do territorio coruñés.

No propio Hall de Tirante comezará ás 14.00 horas o Vermúway. Esta actividade poñerá ritmo ao VI Fairway cunha sesión musical a cargo de Señora DJ.

As propostas lúdicas continuarán o luns 10 e o martes 11 de novembro, coa celebración de 3 escape rooms e con outras tantas catas de cervexa. No primeiro caso, haberá sesións ás 11.00, 12.00 e 13.00 horas, mentres que no segundo, ofrecerase o Roteiro Sensorial pola Cultura Cervexeira ás 16.00, 17.00 e 18.00 horas. O técnico de Cultura Cervexeira de Hijos de Rivera, Martín Gómez Toba, encargarase de impartir este interesante taller.

Sorteos de agasallos todos os días

A celebración dos 10 anos de Fairway contará con sorteos de viaxes, experiencias e produtos todos os días do evento. Para poder participar, hai recoller na zona de Secretaría a credencial My Camiño e visitar un mínimo de 10 expositores da Feira do VI Fairway. De modo obrigatorio, deberase pasar polas casetas da Deputación da Coruña, Inorde, Región de Murcia e AGACAL para poder optar ao sorteo.

Os 6 selos restantes poden proceder de calquera dos máis de 70 expositores que participan na feira. Unha vez completada a credencial My Camiño, deberase acudir novamente á Secretaría para validar o boleto, completar os datos e depositalo na urna.

Os sorteos de agasallos realizaranse todos os días ás 18.45 horas no espazo de presentacións do VI Fairway. Así, o domingo 9 sortearanse unha viaxe a Ilha Terceira (Azores) de tres noites para dúas persoas (cortesía de YuTravel); unha estancia en Caldaria Hoteis Balnearios para dúas persoas (Inorde) e un lote de produtos galegos con calidade diferenciada (DOP, IXP, Produción ecolóxica e Artesanía Alimentaria). O luns 10 de novembro sortearase unha experiencia en Caravaca de la Cruz (Murcia) para dúas persoas (Turismo da Región de Murcia) e un lote de produtos galegos con calidade diferenciada (DOP, IXP, Produción ecolóxica e Artesanía Alimentaria). Para o martes 11 de novembro resérvase o sorteo dunha estancia nas cabanas de Beche (Abegondo) para dúas persoas (Asociación de Municipios do Camiño Inglés) e un lote de produtos galegos con calidade diferenciada (DOP, IXP, Produción ecolóxica e Artesanía Alimentaria). Para recoller o premio, débese estar presente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *