Saltar ao contido

Fairway Santiago 2023

Fairway
Home » Máis de vinte xornalistas especializados e operadores turísticos descobren os encantos dos Camiños Inglés e Portugués grazas a Fairway

Máis de vinte xornalistas especializados e operadores turísticos descobren os encantos dos Camiños Inglés e Portugués grazas a Fairway

  • por

Máis de vinte xornalistas especializados e operadores turísticos participan estes días nas dúas viaxes de familiarización organizados por Fairway. Nesta ocasión, están a darse a coñecer os encantos do Camiño Inglés e do Portugués a través de percorridos de catro e cinco días, respectivamente. “O principal obxectivo destas actividades é dar visibilidade aos Roteiros Xacobeos e os seus variados recursos turísticos, ademais de promocionar o IV Fórum do Camiño de Santiago”, explican desde a organización.

Entre os profesionais participantes atópanse publicacións como National Geographic, Viajar, Traveler ou Diário do Minho, así como programas radiofónicos como Gente Viajera. Ademais, tamén participan portais web especializados como Viajablog, Tus Destino, Otros Destinos ou Blog Hedonista. Un grupo que se completa coa asistencia de operadores turísticos procedentes de distintos puntos de España e tamén doutros países como Luxemburgo ou Reino Unido e mesmo de Australia.

En canto aos itinerarios en si, a viaxe polo Camiño Inglés -desenvolvido grazas ao apoio da Deputación da Coruña- levará aos prescritores por lugares como San Andrés de Teixido, Cariño, Ferrol, Pontedeume, as Fragas do Eume e o Mosteiro de Caaveiro, Betanzos e a propia capital herculina. Pola súa banda, e grazas á colaboración de Turismo Porto Norte de Portugal e da Deputación de Pontevedra-, o percorrido polo Camiño Portugués deu comezo en Porto para despois ir dando a coñecer os distintos puntos de interese turístico do norte do país veciño. Xa en territorio galego visitaranse localidades como Baiona, Santa Tegra, o Castelo de Soutomaior ou Caldas de Reis.

Punto de encontro, no Open Day

Ambas as viaxes de familiarización terán como punto final o Open Day de Fairway. A xornada inaugural do evento será o punto de encontro dos prescritores, que terán a ocasión de coñecer de primeira man o amplo espazo feiral no que se darán cita desde este domingo 7 ao martes 9 de novembro máis de 80 expositores. No feira estarán representadas todas as comunidades autónomas polas que discorren os Camiños de Santiago, ademais do norte de Portugal.

Ademais de asistir ao propio acto de inauguración de Fairway, que terá lugar o domingo ás 12.00 horas, as persoas participantes en ambos os Fam&Press Trips poderán tamén achegarse á gastronomía do Camiño a través do Gastroway. Así mesmo, tamén poderán participar noutras das actividades propostas para esta primeira xornada do IV Fórum do Camiño de Santiago. Entre elas, atópanse as actuacións de Carolina Rubirosa e Xabier Díaz, ademais das presentacións dos libros de Fran Contreras e Sara Escudero.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *